PROTOCOLO
Troula segura
Protocolo para a Abordaxe das Violencias Sexuais e LGTBIfóbicas nos Espazos de Ocio Nocturno do Concello de Santiago de Compostela
Trátase dunha ferramenta impulsada desde o Concello de Santiago de Compostela, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), que xorde como resposta á demanda dun dos principais axentes de ocio nocturno da cidade: as asociacións profesionais de hostalería.
Con esta ferramenta búscase que os espazos de ocio nocturno sexan axentes activos e comprometidos, con capacidade para xerar cambios e actuar a prol da erradicación destas formas de violencia machista. Así mesmo, tamén se procura o fomento dunha cultura de “tolerancia cero” para garantir o desfrute de toda a cidadanía desde a liberdade, a igualdade e a seguridade.
Implementación do protocolo Troula Segura
A través da implementación do Protocolo “Troula Segura” no municipio, preténdese previr posibles situacións de violencia sexual e LGTBIfobia nos espazos de ocio nocturno, así como poñer a disposición das persoas responsables e traballadoras unha serie de estratexias e pautas básicas para a súa abordaxe, de forma unificada e coordinada.
CALES SON
Os nosos obxectivos
- Visibilizar e desnaturalizar as diferentes formas de violencia sexual e LGTBIfóbica que se poden identificar no contexto do ocio nocturno.
- Xerar unha resposta institucional contundente e dispoñer dun marco de actuación coordinado e unificado fronte as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio nocturno.
- Implicar todos os axentes, servizos e recursos na corresponsabilidade da resposta ante as violencias machistas e, máis concretamente, ante as violencias sexuais e LGTBIfóbicas, ofrecendo unha atención integral e de calidade ás persoas que enfrontan estas violencias.
- Fomentar a resposta cidadá contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas, potenciando unha cultura de “tolerancia cero” ante calquera agresión machista e discriminatoria nos espazos de ocio nocturno.
- Facilitar e promover a creación de espazos de ocio nocturno seguros, libres e igualitarios.
- Desenvolver accións para previr a manifestación das violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio nocturno do municipio.
PROTOCOLO TROULA SEGURA
Espazos adheridos
Preme no botón para acceder á información detallada de cada un dos espazos adheridos ao Protocolo “Troula Segura”.