O Concello de Santiago súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres hoxe, 25 de novembro, coa lectura por parte dos membros da Corporación dunha declaración institucional que reivindica as políticas públicas centradas na prevención e erradicación da violencia de xénero. O acto contou coa participación de alumnas dos institutos Antón Fraguas, Rosalía de Castro e Pontepedriña e co acompañamento musical de Irene Rodríguez-Toubes Forryam.
Con motivo do 25N, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes de todos os grupos municipais participaron esta mañá nun acto no Pazo de Raxoi no que se procedeu á lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 2 de novembro. Goretti Sanmartín abriu o acto e a continuación os concelleiros e concelleiras Mercedes Rosón (non adscrita), Marta Abal (PSOE), Borja Rubio (PP), María Rozas (CA) e Míriam Louzao (BNG) fixeron lectura do texto, que pechou a rexedora. No acto tamén participou a delegada da reitora para a Igualdade, Lorena Añón, e tres alumnas de institutos da cidade: Hanin Bilal El Hawary Pérez, do IES Antón Fraguas; Julia López Sánchez, do IES Pontepedriña; e Ana Jorquera Domínguez, do IES Rosalía de Castro, que deron lectura a textos de rexeitamento á violencia machista nas súas diferentes formas.
A alcaldesa puxo o broche final ao acto lembrando que cada muller asasinada ten rostro e nome, non é só un número, e exemplificouno cunha historia que lle toca moi de cerca, a de Tinucha, “unha muller avanzada para a época” que “cando se xubilou, quixo dedicarse a aquilo que sempre lle gustara: a pintar, a ler, a estar coa xente que a quería, a tomar café coas amigas, a pasear. O seu home non o soportou. Queríaa para el”. Tinucha foi asasinada polo seu home cando tiña 74 anos. “Visto despois de acontecer, era a crónica dunha morte anunciada, podiamos dicir. Houbera moitos sinais dun home absolutamente posesivo, controlador, dun home que tiña ciumes e que quería vixilar e saber todo o que facía a súa muller”. A alcaldesa subliñou a relevancia de atender os sinais: “temos que sempre ter esas lentes violetas postas, temos que sempre estar atentas. Porque, como dicía, no caso de Tinucha, a familia non viu eses sinais. E díxeno mal: a familia de Tinucha non vimos eses sinais”.
A rexedora fixo fincapé na importancia de que a propia sociedade sexa capaz de detectar estes sinais “para poder combater contra algo que non se vai solucionar nin mañá, nin pasado, nin nun ano, nin en dous. Porque son cuestións estruturais dun sistema de dominación que necesita moitísimos máis esforzos, moitísimos máis recursos, moitísima máis atención, moita máis prevención e moita máis educación”. E destacou a achega das mozas que participaron no acto de hoxe: “dannos un exemplo de coñecemento, un exemplo tamén de saber que isto é realmente unha cuestión social, que hai que tomala coa relevancia que ten”.
O canto das Cecilias
Unha vez rematado o acto, as persoas asistentes baixaron á praza do Obradoiro para unirse á acción artística promovida pola cineasta chilena Cecilia Barriga, na que se convidou ás mulleres a unir as súas voces para combater a violencia, romper o silencio e reivindicar o acompañamento colectivo. Culminou deste xeito esta iniciativa que se desenvolveu ao longo dos últimos días no Auditorio de Galicia no marco da exposición Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras, e que artellou Grita Galega, Canta, o colectivo de activación temporal constituído en Compostela arredor deste proxecto.
O canto das Cecilias naceu en Roma, onde Cecilia Barriga reuniu 42 mulleres chamadas Cecilia para repensar os referentes de sacrificio e martirio asociados á figura da patroa da música. A partir do canto tradicional italiano La povera Cecilia, as participantes construíron unha nova letra vinculada ás experiencias de violencia que atravesan as vidas das mulleres.
Tras o seu paso por Madrid, Brasil, Francia e Corcubión, o proxecto chega a Santiago cunha versión en galego adaptada pola poeta Lucía Aldao e enriquecida coas achegas das mulleres participantes nos encontros e ensaios desenvolvidos estes días no Auditorio de Galicia.
Declaración institucional
Impulsada de xeito unánime pola Corporación Municipal, a declaración á que se deu lectura hoxe no Pazo de Raxoi pon o foco nos retos que as administracións públicas teñen por diante en materia de prevención e erradicación da violencia de xénero.
O conxunto dos grupos condenaron a través da súa lectura todo acto de violencia machista e lembraron a todas as vítimas: as mulleres asasinadas, as superviventes e os seus fillos e fillas.
O texto acorda seguir traballando para que a prevención sexa a prioridade e reafirma o Concello como primeira porta de acollida, á vez que se aposta por consolidar programas estables de prevención dirixidos á mocidade e desenvolver campañas específicas de sensibilización para este colectivo.
Así mesmo, a Corporación Municipal insta as demais administracións públicas a garantir recursos estables e suficientes, formación especializada e continua para todo o persoal que intervén na atención ás vítimas, así como o desenvolvemento íntegro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Campaña municipal previa 25N
Ademais deste acto central, o Concello iniciou unha campaña, na antesala do 25N, centrada en promover modelos de masculinidade igualitarios e corresponsables.
Baixo o lema ‘Faite un home’ e o sublema ‘un home dos que desexan cambiar’, a campaña busca redefinir o concepto “facerse un home” desde unha perspectiva feminista, atacando a raíz dos estereotipos machistas, invitando á reflexión e convidando ao diálogo. Entre os obxectivos está resignificar o concepto de facerse un home, lexitimar a vulnerabilidade masculina, validar e representar a pluralidade das identidadades LGTBIQ+, promover a corresponsabilide e a ética do coidado e erradir a complicidade masculina coas violencias machistas.
A campaña, centrada nas redes sociais, comezou xa a principios de outubro co obxectivo de facer un debate previo e chegar ao 25N coa reflexión, a sensibilización e a capacidade que poida ter de propiciar o cambio.














