Co lema ‘Faite un home’ e o sublema ‘un home dos que desexan cambiar’, a campaña convida os homes a dar un paso cara a igualdade e rachar coas estruturas sociais que lexitiman e sosteñen a violencia contra as mulleres. Figuras referentes do deporte, a cultura ou o xornalismo apoiarán a mensaxe como embaixadores.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este luns unha campaña da área municipal de Igualdade que pon o foco na promoción de modelos de masculinidade igualitarios e corresponsables, como antesala do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Na rolda de prensa participou tamén a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Rita Barreiro.
Baixo o lema ‘Faite un home’ e o sublema ‘un home dos que desexan cambiar’, a campaña pretende redefinir o concepto “facerse un home” desde unha perspectiva feminista, atacando a raíz dos estereotipos machistas, invitando á reflexión e convidando ao diálogo.
A alcaldesa destacou que se trata dunha “campaña rompedora” que marca promove as novas masculinidades como o camiño para acadar a igualdade real. “É un chamamento á implicación masculina, que eles tamén se movan e vexan que aspectos tan positivos hai que facerse un home feminista, un home dos que desexan cambiar”, sinalou.
Entre os obxectivos está resignificar o concepto de facers un home, lexitimar a vulnerabilidade masculina, validar e representar a pluralidade das identidadades LGTBIQ+, promover a corresponsabilide e a ética do cooidado e erradir a compliciade masculina coas violencias machistas.
A rexedora explicou que esta campaña comezou xa a principios deste mes co obxectivo de facer un debate previo e “chegar ao 25N coa reflexión, a sensibilización e a capacidade que poida ter de propiciar o cambio”. Para isto, faise dunha invitación ao cambio dende a positividade, coa idea das novas masculinidades como novo concepto de “home íntegro”, rachando coas concepcións hexemónicas do que tradicionalmente foi facerse un home.
Goretti Sanmartín apuntou que a campaña se dirixe a sensibilizar e concienciar toda a cidadanía, incluíndo especialmente os homes, que “teñen que dar un paso”, para o cal se busca que se sintan cómodos dando ese cambio.
Personaxes referentes do cambio
Rita Barreiro apuntou que as redes sociais serán a canle principal de difusión da mensaxe da campaña, que está presente tamén en soportes publicitarios: mupis e traseiras de buses, así como distribución de carteis.
A directora do CIM avanzou ademais que nos próximos días a través das redes sociais se difundirán vídeos de referentes reais con pegada e arraigo en Santiago que participarán apoiando a mensaxe da campaña e constituirán unha rede de embaixadores. Son figuras cunha traxectoria pública recoñecida en ámbitos como o deporte, a cultura tradicional, as artes plásticas, o xornalismo, a divulgación histórica ou a música.
Transformación das estruturas sociais
A alcaldesa incidiu tamén en que a campaña non pretende unicamente invitar aos homes a reflexionar arredor das novas masculinidades, do autocoñecemento ou da xestión emocional, senón tamén incorporar unha perspectiva feminista que pon o foco na transformación das estruturas sociais que sosteñen as desigualdades. Esa perspectiva parte dunha idea central do feminismo: o persoal é político.
Repensar as masculinidades implica tamén cuestionar e combater as estruturas que lexitiman e sosteñen a violencia contra as mulleres: os mandatos que asocian ser home co dominio, co control e coa forza, os silencios e as complicidades entre iguais e a desigual distribución do poder entre mulleres e homes.
Neste contexto, a violencia machista é a expresión máis grave dese sistema de desigualdade e, por iso, non abonda con actuar sobre as súas consecuencias: cómpre interpelar directamente os homes e implicalos de xeito activo na súa erradicación, defendeu Goretti Sanmartín, e sinalou que o que os homes senten e calan, o que fan ou deixan de facer na casa, non son cuestións privadas, senón o lugar onde a desigualdade se reproduce cada día. “A masculinidade hexemónica non é só un modelo que limita a quen o encarna; é, sobre todo, unha posición de poder que se sostén sobre o tempo, o traballo non recoñecido e a seguridade das mulleres”, afirmou.
O cartel
A imaxe da campaña está composta por un busto grecolatino – encarnación do canon de masculinidade occidental— pero intervido, arrancado do pedestal e devolto ao espazo público coa imaxe tocada, coloreada e contradita a través do lema “Faite un home”.
O sublema principal da campaña, “un home dos que desexan cambiar”, está inspirado na obra de Bell Hooks ‘O desexo de cambiar. Homes, masculinidade e amor’. Esta autora constitúe unha das principais voces do feminismo negro e antirracista, da educación e a pedagoxía igualitaria.
A partir desta idea vincúlanse catro verticais de contido en torno a: Autocoidado e emocións, coidado e corresponsabilidade, relacións afectivas e procura a igualdade. Este contido concrétase en varios sublemas que se irán descubrindo a medida que avance a campaña e que estarán presentes nos diferentes soportes publicitarios, entre eles: ‘un home dos que non agochan os sentimentos’, ‘un home dos que escoita máis do que explica’ ou ‘un home dos que marcha porque ten a pota ao lume’.
Accións na Casa das Mulleres Xohana Torres
A Casa das Mulleres Xohana Torres desenvolverá accións complementarias durante todo o mes de novembro. Entregaranse dípticos informativos que explican que é a corresponsabilidade e como poñela en práctica.
O mércores 18 de novembro, de 18.00 a 20.00 horas, desenvolverase un obradoiro de autocoidado, corresponsabilidade e benestar emocional dirixido a mulleres coidadoras que propón un espazo de encontro, reflexión e intercambio arredor do traballo de coidados, especialmente aquel que permanece invisible e escasamente recoñecido socialmente.
A través de dinámicas vivenciais e da posta en común de experiencias, as participantes poderán identificar a carga física, emocional e mental asociada aos coidados, favorecendo a creación dun clima de confianza e apoio mutuo desde unha perspectiva feminista e comunitaria.




