O Concello de Santiago organiza o curso Diversidade LGBTIQ+ e xurisprudencia dirixido a profesionais da comunicación
O Concello de Santiago, en colaboración co servizo de coordinación e funcionamento da Casa das Mulleres Xohana Torres e do servizo municipal de asesoramento LGBTIQ+, organiza un curso de formación específica baixo o título ‘Diversidade LGBTIQ+ e xurisprudencia para persoal de comunicación’.
Esta actividade gratuíta e certificada busca achegar unha visión de conxunto e fundamentos sobre diversidade LGBTIQ+ e xurisprudencia a profesionais do ámbito da comunicación, como xornalistas, persoal de xestión de redes sociais ou responsables de prensa.
O curso ten dúas horas de duración e desenvolverase nunha única sesión na Casa Xohana Torres o vindeiro luns 13 de abril dende as 18.00 ata as 20.00 horas.
Igualdade, diversidade e dereitos
Con esta iniciativa o Concello de Santiago continúa a súa aposta pola formación especializada en materia de igualdade, diversidade e dereitos. Neste marco, ponse en marcha un programa de cursos xurídicos dirixidos a diferentes ámbitos profesionais, co obxectivo de fortalecer as competencias e ferramentas necesarias para garantir unha atención respectuosa, informada e libre de discriminación.
Estes cursos pretenden ofrecer un espazo de aprendizaxe, diálogo e actualización normativa que contribúa a unha práctica profesional máis consciente e comprometida coa igualdade real entre todas as persoas.
Con esta iniciativa, o Concello de Santiago reafirma a súa vontade de traballar en rede e crear alianzas entre institucións, administracións e profesionais, avanzando colectivamente cara a unha sociedade máis xusta, inclusiva e comprometida cos dereitos fundamentais.
Esta formación específica desenvolverase nunha única sesión que terá lugar na Casa Xohana Torres o luns 13 de abril de 18.00 a 20.00 horas
Inscricións
As inscricións poden formalizarse a través deste formulario. A formación estará impartida por Miguel Vieito, avogado especialidado en Dereito contra a Discriminación, mediador, docente e responsable de asesoramento legal no Servizo LGBTIQ+ do Concello de Santiago. A actividade realizarase mesturando explicacións teóricas con exemplos prácticos e reais e con momentos de debate e participación.
Para máis información, pódase contactar coa Casa das Mulleres Xohana Torres no enderezo electrónico casaxt@santiagodecompostela.gal ou a través do teléfono 608 710 978.