Proxección da curtametraxe Raíces o 17 de abril no Auditorio de Galicia
A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá o vindeiro venres, 17 de abril, ás 20.00 horas a proxección de Raíces. Da utopía en diante, unha curtametraxe imaxinada e protagonizada polas mulleres da Asociación Veciñal O Reguiño, realizada por Illa Bufarda e coordinada por Feitoría Verde.
A actividade inclúe tamén un coloquio posterior á proxección da curta.
A entrada é libre ata completar a capacidade.

As mulleres da Asociación Veciñal O Reguiño protagonizan este traballo realizado por Illa Bufarda e coordinado por Feitoría Verde
Raíces. Da utopía en diante é unha curtametraxe de ficción utópica que vén a ser a culminación dun obradoiro de creación colectiva coordinado por Feitoría Verde e realizado coas mulleres da Asociación Veciñal O Reguiño na parroquia de Biduído en Ames.
O desenvolvemento da curtamentraxe realizouse durante meses e viu a destacar a capacidade transformadora dos procesos creativos, onde o audiovisual pasa a ser unha linguaxe de cohesión que permite crear relatos e achegarse a novas realidades.