Tecer redes, escribir o futuro

No marco do Día Internacional das Mulleres, o Concello de Santiago pon en marcha “Tecer redes, escribir o futuro”; unha campaña que non se limita a unha acción conmemorativa, senón que se configura como un proceso participativo facendo do 8M un exercicio colectivo de memoria, creación e futuro compartido.
A expresión “tecer redes” remite directamente á sororidade como práctica colectiva de apoio, coidado e resistencia fronte ás violencias machistas. Pola súa banda, “escribir o futuro” conecta coa figura de Begoña Caamaño (Vigo 1964 – Santiago de Compostela 2014), escritora, xornalista e activista feminista homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Serve ademais para reivindicar a palabra e a cultura como ferramentas de transformación social.
Descarga aquí o cartel da campaña: CARTEL TECER REDES, ESCRIBIR O FUTURO
PROGRAMA
Reescribir o futuro: mitos e outras voces
Espazo participativo de creación e escritura colectiva inspirado na obra de Begoña Caamaño. Dirixen Ánxela Lema e Sara Villar.
Quendas:
- Martes 10, 17 e 24 de marzo en horario de 18:00 a 20:00 horas no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia.
- Martes 7, 14 e 21 de abril de 17:30 a 19:30 no Centro sociocultural do Ensanche.
Prazo de inscrición: ata o 8 de marzo. Prazas limitadas.
INSCRÍBETE: formulario online
Encontros que pintan o futuro
Actividade que combina un espazo de diálogo colectivo arredor do feminismo, a sororidade e a creación comunitaria dinamizado, cunha intervención artística colaborativa que dará lugar a un mural colectivo.
Data de celebración do encontro: 12 de marzo de 18:00 a 20:00 horas na Casa Xohana Torres. Con María Rúa.
Mural colaborativo: a data para realización será notificada con suficiente antelación ás persoas participantes. O deseño base será realizado pola ilustradora e deseñadora Irene Sanjuán que posteriormente guiará a actividade.
Prazo de inscrición: ata o 8 de marzo.
INSCRÍBETE: formulario online.
Fiando sororidade
As persoas participantes poderán escribir en anacos de tea mensaxes, frases ou palabras vinculadas á igualdade, feminismo, ao apoio mutuo e á prevención das violencias machistas.
Cada fragmento recollido funcionará como un fío individual que, ao unirse co resto, conformará unha instalación colectiva final: unha rede xigante que será exposta no parque de Begoña Caamaño.
Datas:
- Do 5 ao 12 de marzo nos centros socioculturais de Conxo, As Fontiñas, Maruxa e Coralia e Laraño.
- Do 13 ao 19 de marzo nos centros socioculturais de Santa Marta, O Castiñeiriño, Vite e Lavacolla.
