“Contra o odio: rede, cultura e orgullo”
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, participaron na inauguración este luns a exposición 'Rostros e corpos contra o odio', unha das iniciativas que se enmarcan na campaña do Orgullo deste ano, que ten por lema “Contra o odio: rede, cultura e orgullo”, á que tamén asistiu a directora do CIM, Rita Barreiro, e a concelleira Mercedes Rosón.
‘Rostros e Corpos contra o odio’ configúrase como un espazo artístico, participativo e comunitario arredor da diversidade, da memoria colectiva e da necesidade de construír redes sociais fronte aos discursos de odio e ás violencias LGTBIfóbicas. Poderá visitarse ata finais deste mes.
Na súa intervención, Goretti Sanmartín fixo un chamamento a que todo o mundo participe nas actividades programadas para gozar do mes do orgullo en Compostela, que alén desta exposición inclúen teatro, un roteiro histórico, faladoiro, a lectura de manifesto e a Gala do Orgullo que se celebrará o sábado 27 en Mazarelos. Sanmartín Rei lamentou que estamos en tempos de involución, de mensaxes terribles de odio e acoso contra o colectivo LGBTIQ+. Diante desta realidade, reivindicou celebrar a dignidade e reclamar os dereitos de maneira festiva e considerou necesario “non só a resistencia, senón avanzar fronte a discriminación e a violencia”, tecendo redes, como di o lema da campaña. E neste sentido, afirmou que “aí temos que estar todo o mundo, tamén institucións, remando na mesma dirección”.
O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, abriu o acto dando a benvida a esta mostra, instalada no Centro Sociocultural do Ensanche, que acolle simultáneamente outra exposición do Consello da Cultura Galega ‘Pegadas para un tempo novo’, sobre a disidencia sexual en Galicia.
A exposición propón unha reflexión colectiva sobre os afectos, os corpos, os coidados, a identidade, a memoria e a ocupación positiva do espazo público. A mostra está formada por unha serie de pezas gráficas compostas mediante collage visual, fotografía e tipografía contemporánea, incorporando imaxes vinculadas á diversidade corporal, aos afectos, á cultura comunitaria, á memoria activista e á celebración do orgullo como ferramenta de resistencia e transformación social. As pezas combinan mensaxes de reivindicación, coidado e visibilidade, estruturándose arredor de diferentes eixos temáticos: Ningún paso atrás; o orgullo tamén é coidado; o meu corpo non é un debate; o amor non fai dano, o odio, si; ser eu é o meu orgullo; ou cultura que transforma, orgullo que une.
A proposta visual combina unha estética contemporánea e accesible, empregando elementos gráficos inspirados na idea de rede, conexión e comunidade como fío condutor da instalación. Ademais, a exposición incorpora un espazo aberto á participación da cidadanía mediante unha zona específica de creación colectiva que permitirá ampliar progresivamente a instalación ao longo dos días. Concretamente, este espazo participativo convida ás persoas asistentes a compartir mensaxes contra o odio, reflexións, palabras de apoio, desexos de futuro ou experiencias. As achegas poden realizarse mediante mensaxes suspendidas sobre cordas de cores que acompañarán a exposición, podendo colocar as mensaxes, debuxos, collage etc empregando pinzas de cores e papeis de cores que se porán a disposición das persoas usuarias.
Deste xeito, o obxectivo é transformar a exposición nun espazo vivo de encontro e creación comunitaria, no que a cidadanía participe activamente na construción dun relato colectivo arredor da diversidade e dos dereitos humanos.




