O Concello de Santiago abre o prazo de presentación de obras para o Premio Xohana Torres 2026
O Concello de Santiago vén de publicar as bases do Premio Xohana Torres 2026, co que un ano máis busca dar visibilidade á participación das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade galega co obxectivo de reconstruír a súa memoria histórica.
A esta convocatoria pode concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos deben tratar da a participación das mulleres na sociedade e terán como obxectivo resaltar o papel protagonista ou o esquecemento das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade galega.
Os traballos poderán ser de carácter histórico, político, científico, literario, artístico, etc; ter forma de ensaio, investigación científica ou composición audiovisual; e sempre se referirán a mulleres galegas ou experiencias das mulleres en Galicia.
O prazo de presentación de obras estará aberto ata o 30 de decembro ás 14.00 horas, tal e como figura nas bases da convocatoria, publicadas no BOP do 2 de marzo e na web do Concello de Santiago.
Os traballos terán como obxectivo resaltar o papel protagonista ou o esquecemento das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade galega
Premiaranse dous traballos, un na modalidade de ensaio/investigación e outro na modalidade de creación audiovisual. Cada un dos premios estará dotado con 2.500 euros e suxeito ás retencións fiscais que legalmente lle sexan de aplicación. As persoas gañadoras recibirán do Concello de Santiago de Compostela o premio en metálico.
O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela será o encargado de publicar as obras gañadoras a conta dos dereitos de edición. O Concello e a USC daranlles a máxima difusión posible a estes traballos.
O Premio Xohana Torres recuperouse en 2016 tras varios anos sen convocarse e co obxectivo de recuperar a memoria histórica das mulleres de Compostela. Foi instituído no ano 1993 e, tras 17 edicións, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico.