Goretti Sanmartín gaba a orixinalidade e a profundidade do ensaio ‘Un formigueiro de mulleres’, que descobre a historia das trapicheiras do Miño
A Casa Xohana Torres acolleu na tarde deste xoves a presentación do libro ‘Un formigueiro de mulleres. As trapicheiras do Miño’, de Natalia Jorge Pereira, nun acto que contou coa intervención da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
No seu discurso, a alcaldesa gabou a profundidade e a orixinalidade desta obra gañadora do Premio Xohana Torres de Ensaio 2024, que emprega multiplicidade de fontes, non só oficiais senón tamén da tradición oral, para reconstruír as vidas e as liñaxes das mulleres trapicheiras da Raia e achegarnos á súa subcultura propia e á súa singularidade económica, política, social e xeográfica.
Goretti Sanmartín agradeceu o labor do xurado e da Universidade de Santiago, encargada da publicación da obra gañadora. “O Premio Xohana Torres ten como obxectivo recoñecer e promover a investigación arredor das mulleres e o seu papel social e, grazas a súa existencia podemos achegarnos e temas e figuras moitas veces descoñecidas e que este premio contribúe a difundir”, valorou a rexedora. Nese sentido, animou a ler este libro e adentrarse na historia social, investigación científica, arquivo oral e memoria colectiva que traslada e que pon o foco nun oficio case descoñecido, o das mulleres do trapiche que levaban saias amplas e grandes cestos nas cabezas, a indumentaria que identificaba o seu oficio.
A importancia das mulleres do trapiche na posguerra foi máis alá do seu papel como subministradoras de produtos ausentes do mercado oficial: protexeron a súa identidade e conservaron referentes culturais.