DÁMOSCHE A BENVIDA

A Casa Xohana Torres é moito máis que un espazo físico. Naceu para dar resposta á demanda das mulleres e do movemento feminista de Santiago, comprometida coa loita pola igualdade e a xustiza social. O seu propósito é ser un punto de encontro, reflexión e acción para as mulleres e o colectivo LGBTIQ+, onde se impulsen a igualdade real e a participación activa.
Ven e participa! Ti tamén navegar…

A Casa Xohana Torres: Un espazo de apoderamento e transformación social

A Casa é un motor de cambio, un espazo no que se fomenta a reflexión sobre a igualdade e onde se traballan proxectos que promoven a transformación social. Aquí, técense redes de solidariedade e compártense saberes para avanzar as loitas feministas, creando un espazo aberto, diverso e inclusivo, no que se busca a igualdade efectiva en todos os ámbitos da vida.

Horario de atención presencial:

  • Luns, mércores e venres de 09:45 a 13:00 h
  • Martes de 16:00 a 19:30 h

Quen é Xohana Torres?

Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1929 – Vigo, 2017) foi unha das escritoras máis relevantes da literatura galega contemporánea. Poeta, narradora e dramaturga, a súa obra abrangue diversos xéneros. A súa novela, Adiós, María (1971), foi a primeira novela galega publicada por unha muller tras a longa noite de pedra. Dar nome á Casa das Mulleres é un recoñecemento á súa figura inspiradora e á súa aposta por unha Galiza libre, feminista e creativa. Fronte a este espazo, unha estatua lémbranos que as mulleres sostemos a metade do mundo. Ela foi quen deu azos ás xeracións vindeiras co seu Eu tamén navegar.

Que futuro imaxinamos?

Soñamos cunha sociedade xusta, igualitaria e libre de violencias machistas, onde todas as persoas poidamos vivir con dignidade, autonomía e liberdade, independentemente da nosa identidade ou orientación sexual.

A Casa Xohana Torres quere ser motor desa transformación, un espazo onde os feminismos se materialicen en accións reais, en políticas públicas efectivas e en redes solidarias que loiten pola igualdade en todos os ámbitos.

Como podemos transformar a realidade xuntas?

A nosa misión é ofrecer un espazo de referencia para as mulleres e persoas LGBTIQ+ da cidade, un lugar onde atoparse, colaborar, aprender, crear e loitar por unha igualdade real.

Fomentamos a participación activa, o asociacionismo, a corresponsabilidade, a innovación social e o coidado mutuo como principios fundamentais da nosa actividade. O noso equipo está á túa disposición para ofrecer apoio e impulsar a visibilidade das loitas feministas e LGBTIQ+.

Que facemos na Casa Xohana Torres?

Ofrecemos información sobre programas, servizos e recursos municipais dirixidos ás mulleres e á diversidade.

A Casa é un lugar aberto ás entidades que traballan por unha sociedade máis igualitaria, ofrecendo espazos de encontro e colaboración.

Contamos con programas mensuais que promoven o pensamento feminista, a igualdade e o benestar das mulleres a nivel corporal, emocional e social. Consulta o programa e inscríbete: https://form.jotform.com/220623450131036

Impulsamos a investigación e a innovación en igualdade de xénero, favorecendo o diálogo e a construción colectiva do coñecemento feminista.

SERVIZO DE ASESORAMENTO LGBTIQ+

Este servizo municipal está orientado a ofrecer apoio integral ás persoas do colectivo LGBTIQ+ e ás súas familias. O noso obxectivo é proporcionar un espazo seguro e de confianza onde traballar para eliminar discriminacións e barreiras sociais que afectan ás persoas LGBTIQ+ na nosa comunidade.

Que ofrecemos neste servizo?

Contamos con profesionais para acompañar ás persoas que, pola súa situación persoal, precisen de apoio emocional ou psicolóxico, especialmente en situacións de dificultade relacionadas coa orientación sexual, a identidade e a expresión de xénero. O noso obxectivo é favorecer o apoderamento das persoas usuarias, para que poidan abordar con confianza as cuestións persoais relacionadas coas diferentes situacións que se lles presenten. A promoción da saúde mental, a prevención de problemas psicolóxicos e a loita contra as violencias son as nosas principais prioridades dentro deste ámbito de actuación.

Ofrecemos información legal especializada en temas relacionados coa igualdade de dereitos, a loita contra a discriminación e a protección legal contra o acoso ou violencia por motivos de xénero ou orientación sexual. Asesoramos ás persoas LGBTIQ+ en procesos legais vinculados ao recoñecemento das súas identidades de xénero, así como en cuestións relacionadas co dereito á igualdade no ámbito laboral, familiar e social.

Realizamos acompañamento social para superar situacións de exclusión ou discriminación, así como orientación sobre outros recursos dispoñibles na comunidade, facilitando o acceso á rede de apoio necesaria para promover a súa inclusión e benestar.

Tamén realizamos actividades de sensibilización e prevención, como talleres, charlas e campañas informativas, a través das que buscamos combater a LGBTIfobia e promover o respecto á diversidade sexual e de xénero.

Como acceder a este servizo?

Para acceder a este servizo, é necesario solicitar cita previa por teléfono (608 710 978) ou enviando un correo electrónico a casaxt@santiagodecompostela.gal

RESERVA DE ESPAZOS

Na Casa Xohana Torres dispoñemos de varios espazos para a realización de actividades que promovan a igualdade, a inclusión e a sensibilización social, como obradoiros, charlas, presentacións, encontros, etc.

Como facer unha reserva?

Consulta a dispoñibilidade

Accede á nosa Axenda para comprobar a dispoñibilidade dos espazos.

Contacta con nós escribindo a casaxt@santiagodecompostela.gal ou chamando ao 608 710 978 para confirmar a dispoñibilidade no día e horario desexados, indicando o tipo de actividade a realizar (interna ou aberta ao público) e a previsión de persoas asistentes.

Formaliza a reserva

Unha vez confirmada a dispoñibilidade, formaliza a reserva cun mínimo de 4 días hábiles de antelación a través do rexistro electrónico municipal aquí, seleccionando o trámite “Reserva de uso da Casa Xohana Torres” e achegando o modelo IG001 IGUALDADE correctamente cumprimentado. Tamén o podes presentar a través de calquera dos Rexistros administrativos das Administracións Públicas (en modalidade presencial ou electrónica).

Confirmación da solicitude

Unha vez recibida a documentación, recibirás unha confirmación da reserva e das pautas de acceso á Casa, así como algunhas recomendacións sobre o uso das instalacións e o equipamento.

Quen pode facer unha reserva?

Pode facer a reserva calquera persoa, colectivo ou entidade que queira realizar actividades sen ánimo de lucro na Casa Xohana Torres. As actividades deben axustarse aos nosos principios e liñas de actuación:

  • Fomentar a participación e o asociacionismo das mulleres e persoas do colectivo LGBTIQ+ en todos os ámbitos da vida cotiá.
  • Favorecer a formación, sensibilización e información ao redor da igualdade e os feminismos.
  • Favorecer a innovación, a cultura e a articulación de novos enfoques en materia de igualdade.
  • Favorecer a convivencia a tecer relacións duradeiras de confianza e colaboración entre mulleres e persoas do colectivo LGBTIQ+.
  • Impulsar o intercambio de saberes entre mulleres e a creación de sinerxías feministas.
  • Contribuír ao deseño e ao desenvolvemento das políticas públicas, programas e proxectos transformadores de igualdade.

Que espazos temos dispoñibles?

Capacidade para 8 persoas. Conta con cadeiras e unha mesa redonda movible.

Capacidade para 6 persoas. Está entre as outras salas e conta con cadeiras, unha mesa rectangular movible, un pequeno office con vertedoiro, microondas e quentador de auga.

Capacidade para 25 – 30 persoas. Dispón de ordenador, proxector, pantalla, cadeiras e unha mesa rectangular movible.

Ademais, a Casa dispón dun vestíbulo xeral e dous aseos, un deles con cambiador de bebés e adaptado para persoas con mobilidade reducida.

Que outras cuestións debes ter en conta para un bo uso da Casa Xohana Torres?

  • As solicitudes atenderanse por orde de recepción.
  • Leva contigo en todo momento as pautas de acceso proporcionadas (o código de acceso é intransferible e responsabilidade da persoa solicitante). Segue as recomendacións indicadas.
  • Respecta o horario establecido para a realización da actividade.
  • Fai un uso responsable dos recursos existentes na Casa. Infórmanos sobre calquera incidente.
  • Os equipamentos e materiais dispoñibles non poderán sacarse da Casa, salvo autorización expresa.

AXENDA

Nesta axenda ofrécese un calendario do estado de ocupación dos espazos e das actividades programadas. Aquí podes consultar a dispoñibilidade de espazos e as diversas iniciativas organizadas tanto polo equipo do servizo da Casa como polas entidades, colectivos e persoas a título individual que fan uso das instalacións.

CONTACTO

Rúa de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela s/n, 15702 Santiago de Compostela
608 710 978
Atención telefónica: luns a venres de 09:00 a 19:00 h
casaxt@santiagodecompostela.gal
Luns, mércores e venres de 09:45 a 13:00 h

Martes de 16:00 a 19:30 h

A Casa Xohana Torres está á súa disposición para resolver calquera dúbida ou ofrecer máis información sobre os nosos servizos.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.