A Corporación Municipal aproba unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres
A Corporación Municipal de Santiago de Compostela aprobou por unanimidade na sesión plenaria deste xoves unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.
BNG, CA, PP, PSOE e concelleiras e non adscritas apoiaron un texto que defende que Santiago de Compostela é e quere seguir sendo un símbolo e un referente da loita feminista en Galicia.
“O Concello de Santiago reafirma que a igualdade non é unha política sectorial, senón un principio transversal que debe impregnar todas as actuacións municipais. Avanzar cara a unha sociedade libre de discriminacións require recursos, vontade política, cooperación interinstitucional e a implicación activa da cidadanía”, defenden.
A declaración sinala que a historia da cidade está vencellada ás mobilizacións sociais, ás redes de apoio e ás iniciativas colectivas impulsadas por mulleres e colectivos feministas que contribuíron a avanzar en dereitos e abrir espazos de liberdade. Consecuentemente, o Concello comprométese a continuar desenvolvendo ese legado con políticas públicas ambiciosas, transversais e sostidas no tempo, que sitúen a igualdade como un eixo central da acción municipal.
A declaración alude ao auxe de discursos que cuestionan ou minimizan as desigualdades sociais e á preocupante normalización dos discursos de odio, especialmente entre a poboación máis nova. Fronte a isto, reafirma o papel das administracións públicas como garantes dos dereitos humanos e da convivencia democrática.
“Fronte a quen cuestiona a existencia da violencia machista ou banaliza as discriminacións, é necesario reforzar o compromiso institucional coa educación en igualdade, coa prevención e coa resposta integral ás violencias contra as mulleres”, declara o Concello.
O Concello de Santiago comprométese a manter políticas públicas ambiciosas, transversais e sostidas no tempo, que sitúen a igualdade como un eixo central da acción municipal
Combater a violencia machista
A erradicación da violencia machista, que en 2025 costou a vida a 46 mulleres e 3 menores no Estado español e fixo precisas 1.253 ordes de protección en Galicia, debe seguir sendo unha prioridade política absoluta.
Neste marco, o Concello de Santiago pon en valor a labor desenvolvida desde a Concellería de Igualdade e os recursos municipais especializados. O Centro de Información á Muller atendeu o ao pasado a mais de 200 mulleres, confirmándose como un servizo esencial de proximidade e acompañamento. A Casa Xohana Torres consolidouse como un espazo de encontro, reflexión e acción para as mulleres e o colectivo LGBTIQ+. Ademais dende hai dous anos incluíuse no Regulamento de Honras e Condecoracións o outorgamento dos premios “Mulleres de Compostela” , de xeito que estes recoñecementos teñan a maior consideración institucional.
Dende o compromiso firme coa igualdade entre mulleres e homes e coa erradicación de todas as formas de discriminación e violencia contra as mulleres, o Concello acorda apoiar as mobilizacións e actos convocados polo movemento feminista con motivo do 8-M, así como manter e reforzar o compromiso de destinar, cando menos, o 1 % do orzamento municipal a políticas de igualdade e de prevención da violencia de xénero.
Ademais, o Concello demándalle á Xunta de Galicia un maior reforzo económico e de persoal para os Centros de Información á Muller, como servizos públicos esenciais para o asesoramento e acompañamento das mulleres, especialmente das que se atopan en situación de maior vulnerabilidade.
Asímesmo, reclámalle ao Goberno do Estado que dedique máis recursos económicos ás políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero.
Premios Mulleres de Compostela
O Pleno aprobou tamén o outorgamento dos premios ‘Mulleres de Compostela’ 2026, que se entregarán nunha gala no Teatro Principal o vindeiro 9 de marzo. A Corporación municipal recoñece este ano o valor de ‘As Fillas Bravas de Momán’ (as actrices Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar), a foniatra Clotilde Rodríguez Martul, a divulgadora Merche Espiño, a economista María Loureiro, a comerciante Luisa Ríos, a inspectora principal de Policía Local Diana Parente, a avogada Isabel Castillo e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago Pilar Farjas.