A alcaldesa Goretti Sanmartín fai balance da actividade da Casa Xohana Torres e destaca o dinamismo na programación de actividades
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presidiu este venres o Consello Municipal de Igualdade, no que presentou a actividade da Casa Xohana Torres que este ano iniciou un novo camiño co servizo de asesoramento LGBTIQ+.
Goretti Sanmartín puxo en valor o impulso da Casa Xohana Torres, que este ano acadou o fito de abrir un servizo de asesoramento LGBTIQ+. De feito, a rexedora municipal subliñou que o servizo conta cun programa mensual estable cunha media de cinco actividades ao mes, que inclúen obradoiros prácticos, formativos e conversas maxistrais. Da análise de datos despréndese un elevado interese pola programación, unha especial demanda en actividades de saúde sexual e unha excelente valoración dos obradoiros de creación con perspectiva de xénero. Así, no último semestre, o espazo foi cedido ata en 41 ocasións para uso persoal de entidades e grupos.
Máis polo miúdo, na Casa Xohana Torres, entre maio e outubro, recibíronse 62 consultas, formalizáronse 38 solicitudes de uso do espazo, fixéronse 21 actividades abertas ao público, desenvolvéronse 20 actividades de carácter interno e mantivéronse 1.959 comunicacións (entre chamadas, email ou mensaxería). Ademais, o novo servizo da Casa Xohana Torres destaca pola incorporación do servizo de asesoramento LGBTIQ+, que inclúe atención psicolóxica e asesoramento xurídico e que tivo demanda desde o mes de xuño.
Adicionalmente, como parte do obxectivo do servizo, está o de analizar a realidade social e contribuír á produción de coñecemento feminista, para o que se está levando a cabo unha investigación sobre percepcións sobre violencias machistas e relacións afectivas entre a mocidade. Para este obxectivo diseñouse un cuestionario que foi remitido aos centros educativos (institutos e centros integrados de FP) da cidade.
Sanmartín presidiu este vernes o Consello Municipal de Igualdade
En canto ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2025, o centro atendeu 202 mulleres. Neste sentido, Goretti Sanmartín lembrou que este ano viu marcado pola implantación avanzada do Sistema VioXen2, que mellora a coordinación interinstitucional, a integración de datos en tempo real e a valoración do risco, o que está a permitir unha resposta más rápida, eficaz e integral ás mulleres e ás crianzas en situación de violencia de xénero.

Campañas de concienciación e visibilización
Ao longo do ano, desenvolvéronse distintas campañas de concienciación e visibilización en favor da igualdade. Con motivo do 8M, levouse a cabo a campaña ‘Construamos o termo feminista de Compostela’ e tivo, como principais actos, a homenaxe ás Mulleres de Compostela 2025, a lectura do manifesto institucional e a entrega do Premio Xohana Torres 2024. Ademais, fíxose unha edición dunha revista e distribuíronse materias gráficos do 8M.
Durante as festas da Ascensión e do Apóstolo instaláronse Puntos Lila na Alameda e en zonas de ocio nocturno co obxectivo de dar información e facer un labor e prevención ante as violencias sexuais; ofrecer acompañamento inmediato e seguro ante posibles situacións de risco; e realizar difusión de recursos municipais e sensibilización sobre violencias normalizadas. A valoración foi moi alta e constatouse a utilidade destes dispositivos.
Desde finais de maio e todo xuño, Compostela mantívose como referente na defensa dos dereitos LGTBI. Na campaña de difusión e visualización da realidade LGTBI Compostela Diversa participaron preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros do concello. Esta iniciativa, que naceu en 2018, reafirma o compromiso municipal cunha Compostela diversa, segura e respectuosa coa liberdade afectiva e sexual.
O Concello tamén promoveu a instalación dunha carpa informativa na Praza do Toural con materiais de sensibilización da campaña polo Día Europeo contra a Trata de Persoas ‘Toma nota, se calas tamén tratas’. Ademais, programouse a representación teatral de ‘Atrapadas’, na que se visibiliza as vivencias de mulleres refuxiadas vítimas de violencia e explotación.
E finalmente, a campaña do Concello de Santiago polo 25N, que este ano puxo o foco na violencia no eido dixital e se dirixiu de forma especial á xente moza. A campaña desenvolveuse baixo o lema ‘Non é un trend, é violencia dixital’, tendo en conta factores coma que, no ámbito dixital xorden novas formas de violencia e control, como a difusión de imaxes íntimas sen consentimento (sexpreading), o acoso reiterado (stalkeo), a humillación pública (sexhumillación), ou o uso de expresións aparentemente inofensivas pero cargadas de misoxinia, como “4 letras” ou “muller do km 0”.