Presentación da campaña ‘Contra o odio: rede, cultura e orgullo’ para avanzar fronte á LGTBIfobia

Contra o odio:
rede, cultura e orgullo

A campaña municipal polo mes do Orgullo circula xa en autobuses urbanos da cidade e farao tamén en redes sociais, así como en locais de hostalería e comercio. Aséntase sobre tres piares fundamentais: rede, cultura e orgullo. A rede, como forma de fortalecer os espazos de apoio mutuo e colaboración entre institucións, tecido asociativo e cidadanía. A cultura, mediante o uso das artes escénicas, o audiovisual e a creación artística como ferramentas de sensibilización, pensamento crítico e transformación social. E o orgullo como maneira de reivindicar as identidades diversas e fomentar a ocupación positiva do espazo público como acto de resistencia e visibilización.

Programación

A programación prevista para este mes inclúe as seguintes actividades

  • Exposición participativa “Rostros e corpos contra o odio”: Instalación artística e comunitaria que se poderá visitar do 22 ao 28 de xuño no CSC do Ensanche, onde a cidadanía poderá participar compartindo mensaxes e reflexións. A entrada é libre.
  • Roteiro histórico “Vida e historias LGBT da Compostela medieval e moderna”: Un percorrido guiado por Carlos Callón que terá lugar o 19 de xuño para visibilizar a memoria histórica e as realidades LGBT máis aló da idade contemporánea. Para esta actividade é preciso inscrición previa, a través do formulario ao que se pode acceder co QR do folleto informativo.
  • Representación teatral “Travesía Unicornio”: Obra da compañía Teatro Ghazafelhos que será representada o15 de xuño no parque de Bonaval, dirixida ao público familiar para fomentar valores de respecto e diversidade.
  • Faladoiro “Contra o odio: orgullo”: Espazo de análise e diálogo na Casa Xohana Torres o 25 de xuño con Xandre Garrido López sobre a situación actual da LGTBIfobia e o impacto dos discursos de odio. Entrada libre.
  • Gala do Orgullo 2026: É o evento central da campaña e terá lugar na praza de Mazarelos o 27 de xuño. Contará con actuacións musicais (O Xoán, Pídechas o corpo), drag (Amanda Carallo) e a entrega de premios do certame de poesía de Avante LGBT+.
  • Lectura do manifesto da Corporación Municipal LGBTIQ+. O 26 de xuño será a lectura do manifesto da corporación LGBTIQ+ que foi aprobada como declaración institucional no último pleno.

Compromiso coa igualdade e os dereitos humanos

O obxectivo final é converter Santiago de Compostela nun espazo de encontro que reafirme o compromiso institucional coa igualdade e os dereitos humanos. Neste sentido, a rexedora lembrou que alén das actividades que se celebran este mes, o Concello de Santiago mantén de xeito permanente dende o ano pasado un servizo de asesoramento LGBTIQ+ na Casa Xohana Torres, conatención psicolóxica e xurídica así como programación de actividades.

Goretti Sanmartín incidiu en que Santiago foi pioneira en moitas cuestións relacionadas coa igualdade de dereitos e destacou que o goberno local quere seguir dando pasos para “avanzar en tempos de involución” e acadar “unha sociedade realmente libre e diversa que non negue os dereitos de todas as persoas a seren, sentiren e quereren con liberdade”.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.